AUTOR: Eric-Emmanuel Schmitt
Editorial: Narrativa K
E no xa habitual espazo “A NoRia dos LiBrOs “ traémosvos un máis, nesta ocasión titúlase O señor Ibrahim e as flores do Corán e aínda que a versión orixinal está en francés, pero, ademais do galego, tamén hai tradución en castelán.
É un libro corto na súa extensión, pero denso e profundo no seu contido. O seu autor é Eric-Emmanuel Schmitt naceu en Lyon ( Francia ) en 1960. Os seus pais eran profesores de educación física e el superou as probas de acceso para a Escola Superior de París, na que estudou dende 1980 ata 1985 e, ao rematar, aprobou unhas oposicións de filosofía , dedicándose á ensinanza durante uns anos. Ata que o teatro pasou a ser a súa paixón e comezou a escribir, converténdose nun importante escritor e dramaturgo, que recibíu premios e cuxas obras foron representadas e interpretadas por actores da talla de Alain Delon ou Jean-Paul Belmondo. Pero Eric-Emmanuel é un espíritu inquieto e non só escribe novelas e obras de teatro, senón tamén traballos para o cine e adaptacións para ópera.
En canto á novela que nós eliximos, O señor Ibrahim e as flores do Corán, vendeu no ano 2004 máis de 250.000 exemplares en Francia e 300.000 en Alemania.
Trátase dunha historia triste e tenra á vez, que vive Moisés ( coñecido como Momo ), un rapaz de 13 anos que leva unha vida dura e solitaria. Abandonado pola súa nai cando era neno, vive só co seu pai, un home amargado e demasiado estrito. Momo síntese como se fose unha cousa, non se sinte querido e ten a súa autoestima tremendamente baixa, pensa que non serve para nada e que todo o fai mal. Por iso, busca cariño nas prostitutas do barrio e, sobre todo, no señor Ibrahim, un árabe dono dunha tenda do barrio xudeu. Entre eles nacerá unha profunda e inquebrantable amizade que irá moito maís alá, ata chegar a unha verdadeira relación de pai-fillo.
O señor Ibrahim é a persoa que acompañará e que instruirá a Momo na vida, ensinándolle a vivir nun mundo de adultos sen perder a bondade e limpeza de alma dun neno.
Ao longo da novela irémonos atopando con sorpresas que non imaxinabamos, en relación co pai de Momo e coa súa vida en xeral. E o final é un final inesperado pero feliz a pesar de todo. O libro ven sendo como unha viaxe vital do protagonista, na que vai madurando ata facerse un home de ben e formar unha familia, grazas ao seu amigo e pai adoptivo, o señor Ibrahim, que lle cambiará a vida e o seu destino.
A novela fálanos de moitas cousas: da amizade; da tolerancia; do cariño; da alegría fronte á vida e fronte ás cousas que aparentemente non teñen importancia; da maxia da sabiduría e da experiencia; da posibilidade de que dúas persoas, aparentemente separadas pola súa cultura e relixión,poidan entenderse; e do valioso que é aprender e ensinar, ou facer calquera outra cousa, cando se fai co corazón e a tenrura.
Pero nós xa non imos contar máis, deixamos que sexades vós os que vos animedes a lela e descobrir a intriga e as sorpresas das que vos falamos, e, logo, se queredes tamén podedes ver a película. Podedes pedilas, tanto a novela como a película, na biblioteca.
Boa fin de semana e ata o próximo programa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario